A EVOLUCIÓN TRAS-CONTINENTAL DA LINGUA GALAICO-PORTUGUESA. VALENTÍN PAZ-ANDRADE, 1968.
Lingua do pobo e dos trobadores era o galego que no século XIII Dom Diniz, Rei labrador, plantador e poeta, converteu en idioma oficial do seu Reino. Daquela, Galiza e Portugal mantíñanse aínda en certa unidade de espírito. De tan nobre orixe sobreviven realidades sociais cheas de fecundidade. As que fixeron posíbel, a despeito de diferenciacións raciais, de continentes e de hemisferios, paralelos e meridianos… que un labrador de Castroverde poida parrafear cun “facendeiro” de Rio Grande do Sul, que un mineiro de Silleda poida entenderse mao a mao cun “garimpeiro” que arrinca diamantes en Rochedo ou Corguiño (Matto Grosso); unha regateira do Berbés ou do Muro da Coruña cunha varina de Peniche ou de Porto Alegre; un intelectual luso-galaico cun “bugre” dos Campos Gerais.
O mapa da lingua de Camõens e Rosalía abrangue terras de catro continentes. Atendendo ao censo dos que a usan, clasifícase no terceiro posto entre as linguas neolatinas. Despois do inglés e o castelán, é tamén a terceira das Américas. Hoxe o cómputo anda polas beiras dos cen millóns de falantes. Todos se entenden, ou pódense entender, nas mesmas voces.
Con conciencia do mal, ou sen ela, mantense aínda hoxe, envolto nun senso reverencial de reliquia, ao idioma galego. Dunha banda, polo fenómeno de marxinación, que xa leva durado máis de catro séculos. Resulta, quéirase ou non, da presión asimilista que exerce o castelán oficializando. Doutra banda, polo complexo de inferioridade, que ao redor da fala propia aquela marxinación provocou na área de nacenza. A proscrición do uso nas escolas, no culto, nas relacións administrativas, etc., tiña que carrexar ao longo termo, cando menos, esta pauliña serodia da auto-subestimación. Máxime na poboación monolingüe, que aínda hoxe chega ou pasa dos tres cuartos da total.
Temos diante de nós un “status” posicional vicioso e falaz, que algún día entrará no desxeo. Mais para conquerir tan lexítimo obxectivo, non abonda coa denuncia isolada e teórica. Cando menos se se exerce como deica agora, arrequecida nos sentimentos reivindicativos e pouco máis. (…) Mais a cousa podería mudar de vez, se fósemos homes dabondo para ligar o problema do idioma a un pensamento social moito máis que á reacción sentimental.
Fai falla escomenzar poñendo en destaque, entre os valores que a nosa lingua conserva, a súa capacidade como “medio de comunicación”. Chegou o intre de cifrar a importancia do idioma ─mais que na súa orixe e os seus servizos á creación literaria ou histórica─, no censo das persoas que valéndose da ferrramenta verbal recibida no lar, poden entenderse polo ancho mundo. Ao mesmo tempo compre ter en conta a evolución previsible das magnitudes demográficas que veñen avencelladas, na comunidade lingüística, resultante dun arriscado proceso histórico.
Galiza pode progresar, sobre todo na economía, se acredita no seu idioma e tende pontes co sistema internacional que orixinou.
VALENTÍN PAZ-ANDRADE, LETRAS GALEGAS 2012.
DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (10)
10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasares a usar o galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, podes comezar falándoo con descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para o ires introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, «sen rompelo nin lixalo», iso si que deteriora o idioma. Lembra que para falar un idioma ben, primeiro hai que falalo mal e que a lingua que non se fala é a lingua que morre…
FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe
O Concello de Santiago tenta evitar que haxa manifestación polo Día das Letras
Nunha resolución sorprendente, comunicada 48 horas antes da manifestación, o Concello nega os permisos para colocar palco e megafonía.
Queremos Galego recorreu hoxe mesmo nos tribunais e mantén a convocatoria “con máis razóns que nunca”.
Carlos Callón: “Se nos denegan o palco e a megafonía, usaremos as gorxas para exclamar moi alto polos nosos dereitos”.
SE QUERES SABER MÁIS, PINCHA AQUÍ: A MESA
GRAZAS Á NAI DE ABEL POLA INFORMACIÓN!
DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (9)
9. Se tes como lingua habi
tual o castelán e aínda non te ves capaz de falar en galego de forma frecuente, interésate pola lingua de Galiza. Loita contra as inxustizas que padece quen quere vivir en galego en Galiza, pois a represión dunha lingua é un acto de barbarie. Comeza escollendo o galego como idioma no teu caixeiro, nas túas redes sociais, no teu telemóbel, etc. E, o máis importante, tenta falalo e escribilo, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso. Non te cortes! Verás que, se te soltas, es capaz de falar en galego moito mellor do que imaxinas!
FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe
DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (8)
8. Exixe de todas as administracións e empresas de que sexas clienta ou cliente que che escriban en galego. Faino amabelmente. Nunca esquezas no teu día a día solicitar que a documentación vinculada coa túa vida estea en galego, mais non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. A eses déixaos de lado, ignóraos.
FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe
DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (7)
7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua. Apoia os produtos e servizos que usan o galego na publicidade, etiquetaxe, atención ao público, etc. Forma parte plena da comunidade lingüística galega!
FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe
DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (6)
6. Se for o caso, galeguiza o teu nome e restaura o teu apelido. Pídelle a todo o mundo que te chame así e escríbelle a institucións e empresas para que se dirixan a ti coa nova forma oficial do teu nome e apelidos.
FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe
DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (5)
5. Toma a decisión de escribires todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos, cartas, etc. en galego. Escolle a opción de galego no teu caixeiro automático, no telemóbel, nas redes sociais de internet, etc.
FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe
DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (4)
4. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, a mellor forma de lle demostrares que valoras o seu comportamento é continuando a falar en galego con normalidade. Un eloxio exaxerado ou festexar diante doutra xente que esa persoa comezou a falar en galego pode causar vergoña e facer que axiña se abandone o galego. A normalidade é o maior afago.
FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe
DEZ PASOS PARA REVITALIZARMOS O GALEGO… (3)
3. Mantente fiel ao idioma galego. Continúa a utilizalo, aínda que che respondan noutra lingua. Se de verdade a persoa coa que estás a falar non te comprende e tes que mudar a outro idioma, faracho saber.
FONTE: Artigo de Carlos Callón en Galicia Hoxe
a