17 de maio todos os días do ano (por Tania Pose)

Maio 18th, 2017
O día 17 de maio conmemórase en Galiza o Día das Letras Galegas, celebrado por vez primeira no ano 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares Gallegos, libro de poemas escrito pola gran figura galega Rosalía de Castro. Malia que este día é, ou debería de ser, un momento no que os galegos e as galegas nos sintamos orgullosos do noso idioma, así como tamén do noso pasado histórico e da nosa literatura, actualmente emprégase sobre todo para promocionar algo que beneficia a uns poucos e encobre totalmente a realidade, ou para exaltar aquilo do que no fondo non se está orgulloso pero co que algúns se queren sentir identificados para realizarse dentro dun grupo ó que non chegan a pertencer.
Persoalmente, como galega (e con isto non quero dicir só “persoa natural ou habitante de Galicia”, senón tamén galego – falante), o Día das nosas letras fai que me sinta orgullosa e ó mesmo tempo éncheme de rabia e de dor. Orgullo por manter viva unha lingua que foi asoballada durante moitos anos e por resistir as adversidades que aínda hoxe me imposibilitan vivir sempre no meu idioma nai, rabia por ver como os mesmos que me poñen obstáculos no camiño finxen ser coma min e sentirse como eu me sinto neste día, e dor por ver (escoitar) como o día 18 de maio retorna o castelán ás nosas vidas, á nosa realidade cotián. É moi triste, na miña opinión, que só se empregue o idioma propio nunha determinada data marcada no calendario, no caso dos adolescentes, incluso como se fose algún tipo de moda, pois podo afirmar que moitos rapaces e rapazas castelán – falantes suben ás súas redes sociais frases ou fotos con títulos en galego nos que se promove a defensa da lingua, mais a realidade é que non hai outra defensa para un idioma que a de falalo, e non empregalo un día ou dous ó ano (e na materia de galego impartida no instituto, se cadra). Outros, que promoven políticas desgaleguizadoras e desprestixian a lingua de maneira sutil todo o ano, dan discursos neste 17 de maio porque se senten obrigados, non porque se identifiquen cos nosos devanceiros e se preocupen pola causa normalizadora, e falan galego porque (polo menos polo de agora) é unha obriga no Parlamento de Galicia.

Así, pois, ser galego ou galega non é só vivir ou ter nacido en Galiza nin sentirse orgulloso ou orgullosa o día 17 de maio por comer polbo á feira, lacón con grelos, filloas ou marisco, senón empregar o idioma propio da nosa Terra todos os días e en todos os ámbitos e admirar a nosa cultura sempre, dentro e fóra do noso territorio. O idílico sería que todos e todas vivíramos o día a día como vivimos o Día das Letras Galegas, pero sen que ninguén finxa, sentíndoo de verdade, sendo “galegos e galegas de verdade”. Desta maneira, eu propoño un 17 de maio todos os días.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Trackback URI | Comments RSS

Deixa unha resposta

Name (required)

Email (required)

Sitio web

Speak your mind