Rosalía é mundial

Febreiro 24th, 2016

CHAMAMENTO Á TRADUCIÓN DE POEMAS DE “CANTARES GALLEGOS” ÁS LINGUAS DO MUNDO

Co adaxo da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos a Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía de Castro promoveron unha iniciativa para traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas máis coñecidos desta obra: “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes”.

Adiós ríos-portugués

Adiós ríos-francés

Adiós ríos-inglés

FONTE: Planeta Rosalía

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

24 de febreiro, Día de Rosalía

Febreiro 24th, 2016

A AELG propón, para celebrar o Día de Rosalía, o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

Trocando en sonrisas

queixiñas e choros

 

 

 

 

 

Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta  si ríe,
conmove si chora.
Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,
misterios da tarde,
murmuxos da noite:
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
Que así mo mandaron,
que así mo dixeron…
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.
Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.
Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;
de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.
De noite, de día,
na aurora, na sera,
oiresme cantando
por montes e veigas.
Quen queira me chame,
quen queira me obriga;
cantar, cantareille
de noite e de día.
Por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños.
Buscaime antre os robres.
Buscaime antre os millos,
nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.
A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;
nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá, que comenso…
Meniñas, ¡Dios diante!

 

CANTARES GALLEGOS
Chuzame! A Facebook A Twitter

24 de Febreiro, Día de Rosalía

Febreiro 24th, 2015

Rosalía 1

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

DÍA DE ROSALÍA

CURTAMETRAXE: Animación en plastilina. IGNOTUS

Chuzame! A Facebook A Twitter

#EuSonRosalía

Febreiro 18th, 2015

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón celebrar o Día de Rosalía de Castro 2015 convidando os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.

Envíalles o teu vídeo ou a ligazón ao mesmo a oficina@aelg.org!

PARA VER MÁIS VÍDEOS, PINCHA AQUí: AELG

Chuzame! A Facebook A Twitter

Poesía para Rosalía

Febreiro 20th, 2014

O 24 de febreiro é unha das 35 datas que o Calendario profesional do libro e a lectura recolle para o ano 2014. O “Dia de Rosalía de Castro” volve estar sinalado despois de que o “Calendario do Libro e a Lectura” distribuído pola Consellaría de Cultura o eliminase das datas a celebrar no ano.

A AELG reclama a celebración dese día todos os anos, cada anos. En 2012, ao celebrarse o 175 aniversario do nacemento da nosa máis grande escritora, fixo público este manifesto.

A Fundación Rosalía e a Radio Galega conmemorarán o Día de Rosalía  cun programa especial do Diario Cultural na Casa-Museo ás 19h. Ademais, Anxo Angueira, quen nos visitará en Marzo para falarlle de Rosalía ao alumnado de 1º de Bacharelato,  como presidente da Fundación, realizará unha ofrenda floral a Rosalía na estatua da Alameda. A Fundación tamén promove a acción nas redes sociais #euRosalía, que anima a facer un ‘selfie’ con calquera motivo relacionado coa poeta.

No Félix Muriel, desde o ENDLG, queremos lembrar a Rosalía co mellor e maior agasallo que ela nos legou como galeg@s: a súa lingua, que tamén é a nosa, convertida en poesía.

Así que imos “destrozar os seus poemas” para facelos nosos. Romperemos os versos para crear outros novos, coas súas mesmas palabras, co seu alento nas costas, farémola nosa!.

SE QUERES SABER MÁIS SOBRE A AUTORA, PREME AQUÍ

SE QUERES LER OS SEUS POEMAS, PREME AQUÍ

SE QUERES DESCARGALOS, PODES FACELO AQUÍ:  SELECCIÓN DE TEXTOS. ROSALÍA DE CASTRO

 

Poema Colectivo. LADO-ALDAO by Cristina Lourenzo


Chuzame! A Facebook A Twitter

24 de Febreiro, día de Rosalía

Febreiro 23rd, 2012

Se Rosalía de Castro vivise, hoxe cumpriría 175 anos. Non parece que sexan tantos anos, mais percibimos a súa vida como dunha época lonxana e moi diferente á nosa; porén Rosalía, como muller, como poeta e como galega, foi unha adiantada ao seu tempo e, mesmo hoxe, segue a estar na vangarda.

A  imaxe interesadamente terxiversada que nos chegou de Rosalía foi a dunha muller resignada, enfermiza, chorosa, nai abnegadísima e amantísima esposa, saudosa e folclórica. Durante moito tempo mesmo se chegou a cuestionar a autoría dos seus poemas, asignándolle ao culto cronista que era o seu home, M. Murguía, a súa creación, pois Rosalía foi considerada habitualmente na historiografía como muller de escasa formación cultural. Non se estudaba realmente a obra de Rosalía, analizábase a súa vida. Aínda hoxe podemos comprobalo a través dos numerosos blogues e páxinas webs (en español) que adicadas a ela surcan a rede. Case todas comezan do mesmo xeito: nacemento ilexítimo, figura paterna ausente que se transloce na “negra sombra”, formación  aldeá, descoberta da súa condición de ilexítima e trauma para toda a vida…

Rosalía, lonxe de ser unha muller resignada foi, en palabras de Francisco Rodríguez, un exemplo de feminismo, da concepción práctica de que a muller é igual ao home, máis ca ningunha escritora europea da súa época. Algo impensable nunha muller de formación aldeá. A nosa autora foi unha muller de grande cultura. Lera os clásicos greco-latinos, era boa coñecedora da literatura europea da súa época e especialmente das obras dos filósofos. Manexábase en francés e participaba, entre homes, nas tertulias literarias do Liceo de la juventud, en Compostela, onde mesmo fixo representacións como actriz afeccionada. Non podería ser doutra maneira, pois da intuición espontánea para a versificación non nace o nihilismo, nin o existencialismo, nin a concepción da irracionalidade do mundo que latexa fondamente en Follas Novas e na súa obra posterior en castelán, encadrándose con voz propia entre os “poetas malditos” (revolucionarios, bohemios, iconoclastas, decadentes e profundamente críticos coa sociedade do seu tempo).

Eis a modernidade de Rosalía! A razón de que hoxe a súa poesía siga viva e feraz (producindo novos creadores que, como lectores, beberan nas súas páxinas) é esa profundidade de fonte inesgotábel  que posúe, mais tamén o xeito de estar e de ser da súa autora. Rosalía resulta moi atractiva para un lector/a de hoxe, pola súa actitude revolucionaria, pola súa bohemia, porque saltaba por riba dos tabús mesmo coa súa relixiosidade (panteísta, ao estilo tradicional galego) e contraria ao dogma, o que lle valeu o enfrontamento co Arcebispado de Santiago, que lle negou a homenaxe pública cando o seu corpo foi trasladado ao Panteón dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval.

Talvez por todo isto hoxe reclámase que o 24 de febreiro sexa declarado DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO ou, cando menos, que regalemos neste día un libro en galego e unha flor…

Para que a nosa máis universal escritora deixe de ser…

Estranxeira na súa patria

Na xa vella varanda
entapizada de hedras e de lirios
foise a sentar calada e tristemente
frente do tempro antigo.

Interminable precesión de mortos,
uns en corpo nomais, outros no esprito,
veu pouco a pouco aparecer na altura
do direito camiño
que monótono e branco relumbraba,
tal como un lenzo nun herbal tendido.

Contemprou cal pasaban e pasaban
collendo hacia o infinito,
sin que ó fixarse nela
os ollos apagados e afundidos
deran siñal nin moestra
de habela nalgún tempo conocido.

I uns eran seus amantes noutros días,
deudos eran os máis, i outros amigos,
compañeiros da infancia,
sirventes e veciños;
mais pasando e pasando diante dela,
fono os mortos aqueles prosiguindo
a indiferente marcha
camiño do infinito,
mentras cerraba a noite silenciosa
os seus loitos tristísimos
en torno da estranxeira na súa patria,
que, sin lar nin arrimo,
sentada na varanda contempraba
cal brilaban os lumes fuxitivos.

(Follas Novas, 1880)

Chuzame! A Facebook A Twitter