Olla meu irmao

Xaneiro 28th, 2016

Miro Casabella canta o poema de Celso Emilio Ferreiro en honor a Castelao.

Olla meu irmáu honrado
o que acontez con Daniel:
os que o tiñan desterrado
agora falan ben del.

O palurdo de alma lerda,
o tendeiro desertor,
o vinculeiro da merda
disfrazado de señor.

O lurdo carca refrito,
o monifate de entroido,
o aprendiz de señorito,
marqués de quero e non poido.

O badoco endomingado,
o franquista pousafol,
o forricas desleigado,
o pequeno burgués mol.

O devoto do onanismo,
o feligrés de pesebre,
o tolleito de cinismo
o que dá gato por lebre.

O rateiro de peirao,
o refugallo incivil,
válense de Castelao
pra esconder a caste vil.

Escoita puto nefando,
criado na servidumbre:
non pasará o contrabando
dise teu noxento estrume.

Grotesco escriba sandéu,
inxertado nun raposo.
Castelao nunca foi teu,
porque Castelao é noso.

I anque a ti che importa un pito,
sabrás que é cousa sabida,
que estás incurso en delito
de apropiación indebida.

MÚSICA PARA CASTELAO

CASTELAO

Chuzame! A Facebook A Twitter

MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR

Febreiro 6th, 2013

Ataque Escampe homenaxea a Celso Emilio Ferreiro

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lingua proletaria do meu pobo…

Decembro 12th, 2012

recitandoacelsoemilio on PhotoPeach

Chuzame! A Facebook A Twitter

No centenario de Celso Emilio, 100 poemas para 100 voces

Novembro 6th, 2012

O ano 2012 foi o ano adicado a Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova que nacera cen anos atrás, en 1912, e que publicara cincuenta anos atrás, en 1962, a obra poética máis representativa da posguerra, Longa noite de pedra. O poema co que se inicia o libro fora  concebido nun contexto concreto: o vivido polo poeta cando padeceu prisión no ano 1937, en plena guerra civil. Este poema é considerado o precursor da poesía social no estado español. Despois, a voz de Celso Emilio xuntaríase na década dos 50 á de Gabriel Celaya (Lo demás es silencio, 1952 e Cantos Íberos, 1955) e á de Blas de Otero (Redoble de conciencia, 1951 e Pido la paz y la palabra, 1955), ao publicar O soño sulagado, 1955; e na década dos 60 á voz catalá de Salvador Espriu (La pell de brau, 1960) e á voz en euskera de Gabriel Aresti (Harri eta Herri, 1964).

No peche das celebracións polo seu centenario, o ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo quere ler, recitar, dramatizar, espallar a súa obra en toda a comunidade educativa. Para iso programou encontros diarios na Biblioteca do centro para dar vida aos poemas do celanovés. Agárdase a participación de até 100 persoas do noso centro para recitaren 100 poemas distintos. Coa intención de achegar os textos ás voces, nace esta Selección poética: 100 poemas para 100 voces.

SE QUERES SABER MÁIS: AULAS DE LINGUA E LITERATURA

SE QUERES IR ENSAIANDO: DEITADO FRONTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…

BÓTALLE UNHA OLLADA AO QUE FIXERON OS DO IES AS BARXAS CO POEMA:

Chuzame! A Facebook A Twitter

PECHAMOS O CAPÍTULO MEDIEVAL…

Marzo 14th, 2012

Non sen tempo e xa un pouco fart@s, despois de mes e medio, pechamos a porta da Idade Media. O camiño foi longo. Hoxe veremos se valeu a pena (a ver que din os resultados dos cuestionarios na Aula Virtual!).

Espero que tod@s teñades feitos os vosos deberes: DEBÉDESME UNHA CANTIGA!

Eu xa fixen a miña…

Nunca quixen saber, mia senhor, o que o Amor era
Pois de grande Amor morreron os sufridos amadores
Vivir feliz quería eu como os paxaros cantores
Que acordaban pola alba ao sol de primavera
Mais desde que a vós vin, senhor, meu corazón padece
E entre choros e salaios esta inmensa dor acrece
 
Por ser Amor a causa deste ben que tanto mata
Rogarvos hei que me axudadedes a enxoitar as miñas bágoas
Só un sinal segredo pido que amorteza a miña mágoa
Porque non podo enganar ao corazón que me engana
Pois desde que a vós vin, senhor, meu corazón padece
E entre choros e salaios esta inmensa dor acrece
 
Non haberá no mundo dona tan fermosa coma vós
Nin de ollar tan distinguido que vos supere en mesura
Nin vasalo namorado que louve a súa desventura
Nin xogral máis entregado que cumpra de entendedor
Pois desde que a vós vin, senhor, meu corazón padece
E entre choros e salaios esta inmensa dor acrece
 
 Por non ousar vingarme deste Amor ue así me mata
A miña cuita de amor, senhor, preocuparvos debería
Non sexades comigo tan distante, altiva e fría
Pois quen o Amor despreza o mesmo Amor maltrata
Desde que a vós vin, senhor, meu corazón padece
E entre choros e salaios esta inmensa dor acrece.
 

É  moi fermosa, verdade? Talvez, fermosa demais como para que eu dera con tanta arte rimado palabras…

Non, recoñézoo, non a compuxen eu! Fixéronme os deberes en clases particulares!

Pero haberá premio para quen acerte o nome do meu TROBADOR…

Antes de despedir este longo camiño de rosas medievais que demasiado pronto se tornaron espiñas de séculos escuros, quero deixarvos sinal de que hoxe seguen vivos moitos dos xéneros medievais. QUE OS DISFRUTEDES!

En primeiro lugar, regálovos unha versión neotrobadoresca da cantiga de amigo: No niño novo do vento, da obra de A. Cunqueiro, Cantiga nova que se chama riveira.

En segundo lugar, agasállovos cunha versión brasileira da cantiga de amor: Você è linda!, cantada maxistralmente por Caetano Veloso.

En terceiro lugar, déixovos varias versións contemporáneas das cantigas de escarnio e maldizer:

…a versión de Miro Casabella para a cantiga O genete, de Afonso X

…O poema Olla meu irmán ou calquera das Cantigas de escarnio e maldecir de Arístides Silveira, pseudónimo de Celso Emilio Ferreiro

…Tamén de Celso Emilio (no ano do seu centenario), déixovos a versión rapeada por García, de DiosKeTeCrew do poema galego que máis tira por min para as barricadas, Deitado fronte ao mar

…Chegando ao final, quero que botedes unhas risas cunha regueifa, interpretada pola señora Xosefa de Bastavales en compañía de tres magníficos artistas galegos: Xurxo Souto, Pinto de Herbón e Manu Chao (que é un francés superorgulloso das súas orixes galegas). GOZADE COA ARTE GALEGA!

…e, para acabar, quero deixarvos un bo sabor de boca, mellor, de oídos e de ollos (especialmente a algunhas…). Así que aí vos vai o escarnio punk do Leo i Arremecaghoná

SE QUERES SABER MÁIS, PINCHA AQUÍ: A PEGADA DA LÍRICA MEDIEVAL (CARAMINHALINGUA)

Chuzame! A Facebook A Twitter

2012, ANO de CELSO EMILIO FERREIRO

Febreiro 29th, 2012

Chuzame! A Facebook A Twitter